CRTVG

Buscar

Aragonès defende a legalidade do fondo para os encuasados polo Tribunal de Contas

Publicado o 07/07/2021 16:13

Hoxe reúnense en Waterloo, en Bélxica, dous dos líderes do procés independentista:  veranse Oriol Junqueras, o exvicepresidente da Generalitat, que acabou na cadea polo procés, co que tamén fora presidente, Carles Puigdemont, que eludiu a prisión fuxindo a Bélxica. A imaxe será símbolo de como marchan as relacións entre Esquerra e Junts, socios na Generalitat. E, mentres, segue a polémica sobre como van pagar os acusados do  procés as fianzas que lle impuxo o Tribunal de Contas. O Goberno español non decidiu se recorrerá o fondo de cartos públicos que creou o Govern.

Pere Aragonés asegurou no Parlament que o fondo, con 10 millóns de cartos públicos, é un mecanismo legal para defender os ex-altos cargos da Generalitat ante unha fianzas 'indecentes', dixo, impostas por un tribunal que se arroga funcións de Constitucional. "Calquera servidor público ten dereito a ser defendido pola súa administración, para iso se fixo esta solución de emerxencia. Ante decisións arbitarias, actuacións decididas e dacordo coa lei", dixo Aragonès.

Pablo Casado agarda que o Goberno recorra este fondo, ao tempo que os populares preparan un recurso contra o decreto do executivo catalán.

O Executivo di que estudará a legalidade da medida adoptada pola Generalitat.

O Tribunal de Contas, que impuxo as fianzas de case cinco millóns e medio de euros para os 34 ex-altos cargos acusados de gasto indebido polo procés, analiza agora unha situación inédita. Que a administración prexudicada nunha causa contable asuma o pago imposto aos acusados de desviar cartos públicos.
 

Noticias web

07/07/2021