CRTVG

Buscar

Arabia libera a activista feminista Loujain al Hathloul tras máis de mil días en prisión

Publicado o 10/02/2021 19:48
Arabia libera a activista feminista Loujain al Hathloul tras máis de mil días en prisión

A destacada activista defensora dos dereitos humanos saudita Loujain al Hathloul, detida en maio de 2018, foi liberada este mércores polas autoridades de Arabia Saudita, despois de permanecer máis de mil días no cárcere, segundo informou hoxe a súa familia.

"Loujain está na casa!", anunciou hoxe a irmá da activista, Lina al Hathloul, na súa conta de Twitter, acompañando o texto cunha captura de pantalla dunha videoconferencia na que Loujain aparece cun sorriso. Así mesmo, engadiu outra imaxe da activista feminista que loitou activamente polo dereito das mulleres para conducir no seu país e lembrou que Loujain permaneceu 1.001 días encerrada nun cárcere de Arabia Saudita.

A posta en liberdade de Loujain prodúcese despois de que o pasado 28 de decembro un tribunal especializado saudita, competente en casos de terrorismo, a condenara a 5 anos e 8 meses en prisión, incluídos 2 anos e 10 meses suspendidos á parte do tempo que xa pasara en prisión preventiva.

Entre os cargos polos que foi sentenciada están "buscar cambiar o sistema político saudita" e "danar a seguridade nacional". 

Noticias web

10/02/2021