CRTVG

Buscar

Apupos e berros de "eleccións" a Sánchez no desfile do 12-O

Publicado o 12/10/2018 15:05

• Os reis de España presidiron a cerimonia marcada polo mal tempo

• A Princesa fai visible a súa condición de herdeira á dereita do seu pai

Primeiro 12 de outubro para Pedro Sánchez como presidente do Goberno. Escoitan os pitos e apupos cos que recibiron o presidente do Goberno á súa chegada ao desfile. Maila que non anunciaron a súa chegada por megafonía, o público concentrado na tribuna de autoridades amouse crítico. Contrastou co recibimento dos Reis, aos que os asistentes vitorearon e aplaudiron.

Caras novas na celebración deste 12 de outubro. Desta volta, foi Pedro Sánchez quen recibiu os membros da Casa Real cando chegaron para presidir o desfile.

Tras darlles a man á ministra de Defensa, ao presidente da Comunidade e Madrid, á alcaldesa e ás autoridades do Exército, os monarcas saudaron o equipo de goberno, tamén distinto ao do ano pasado.

Pablo Casado asistiu ao acto como novo presidente do Partido Popular. Estivo ao carón do líder de Ciudadanos, Albert Rivera. Os dous foron coas súas parellas.

A xestión da situación en Cataluña volve ser motivo de conflito entre os partidos neste 12 de outubro, un día despois de que o Parlamento catalán votase unha resolución que avoga pola abolición da monarquía. A do presidente Generalitat, Quim Torra, foi, precisamente, unha das ausencias destacadas no desfile.

Tampouco estivo o lehendakari, Íñigo Urkullo, nin a presidenta de Navarra, Uxúe Barcos. Outras ausencias foron as de Pablo Iglesias e Ada Colau e as de representantes de grupos parlamentarios independentistas e nacionalistas.

Quen si repetiu a súa presenza neste desfile foi o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que conversou de xeito distendido con Susana Díaz e con outros presidentes autonómicos.

Entre os novas imaxes que deixa a xornada, hai outra que ten que ver coa Casa Real. A princesa Leonor fixo visible a súa condición de herdeira ao situarse por primeira vez á dereita do Rei.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

12/10/2018