CRTVG

Buscar

Aprobado o ERTE de Stellantis que entrará en vigor o próximo luns

Publicado o 31/03/2021 14:21

Aprobouse o ERTE de Stellantis, antiga PSA, que poderá aplicarse xa en abril. Os sindicatos chegaron á reunión coas posturas moi claras, despois de analizar a última proposta que lles enviou a empresa esta mesma mañá, unhas horas antes do comezo da xuntanza.

Satisfeitos coa proposta da empresa, o sindicato maioritario considera que o acordo dá cobertura a todos os traballadores. Desde a UXT aplauden o acordo despois de que a dirección acollera as súas propostas no ámbito social e da formación.

Distinta posición desde a CIG e a CUT, que rexeitan o acordo acadado para a aplicación deste expediente de regulación temporal de emprego na factoría. Consideran que deixa fóra os traballadores eventuais. Desde a CUT din que tomarán medidas legais.

O ERTE que afecta 3.643 traballadores comezará aplicarse o próximo luns e estenderase ata final de ano. A empresa activa este mecanismo debido á chamada crise dos microchips polo desabastecemento de pezas que mantén paralizada a produción en Vigo e que tamén afecta a nivel mundial.

A CUT fala de discriminación

A CUT, que xunto á CIG foi o único sindicato que non apoiaron o ERTE aprobado este mércores por Stellantis Vigo co respaldo de SIT- FSI, UXT e CCOO, criticou que co acordo perde a clase traballadora e discriminase ás persoas máis vulnerables.

Como a CIG, a CUT someterá o ERTE á aprobación dos seus aliados nunha asemblea que terá lugar despois das vacacións de Semana Santa, pero xa avanzou nun comunicado cales son as discrepancias do sindicato coa empresa, que desde o principio da negociación estiveron na desprotección dos traballadores a tempo parcial.

A CUT lembra que os traballadores a tempo completo conseguiron un 80 por cento do salario cando xa tiña o cento por cento, e que perden un día de libre goce que lle regalan á empresa. Para o persoal a tempo parcial, sinala, garántenselle entre 80 e 120 horas de salario ao mes en función da súa quenda de contrato, que “para a gran maioría dos 2.378 eventuais significa entre 400 e 600 euros ao mes”, o que está por baixo do SIM.

Os traballadores con contrato a tempo parcial verán afectadas as súas pagas extra, as súas vacacións e a paga de beneficios do ano próximo porque para eles non hai garantías, di o sindicato que, ademais, critica que o ERTE é un “caixón de xastre” no que cabe todo.



 

Noticias web

31/03/2021