CRTVG

Buscar

A nova Lei de patrimonio natural dá prioridade á protección medioambiental

Publicado o 31/07/2019 15:41

O Parlamento de Galicia acaba de aprobar a Lei de patrimonio natural. Foi impulsada polo Goberno galego co fin de darlle maior protección á nosa biodiversidade. Mentres tanto, os grupos da oposición non lle deron o seu voto.

Desde o Grupo Mixto e En Marea sinalaron que é unha lei pouco ambiciosa e que non dá solucións ao deterioro do noso patrimonio natural. Alertaron tamén sobre as limitacións para poder declarar novos parques naturais. O BNG criticou a tramitación urxente da lei. Os socialistas din que apenas se aceptaron as propostas da oposición e dalgúns grupos ecoloxistas.

Para o PP, a oposición ten unha forma curiosa de entender o diálogo, xa que pretenden impoñer todos os seus criterios.

A Lei de patrimonio natural impulsada polo Goberno galego actualiza a lei anterior, que xa tiña 18 anos.

Pretende consolidar a prioridade da protección medioambiental sobre a ordenación urbanística.

Incorpora novas figuras de protección, como as microrreservas, espazos naturais valiosos de menos de 20 hectáreas. Tamén aumentará o número de lugares incluídos na Rede Galega de Espazos Protexidos.

Hai identificadas en Galicia 126 especies vulnerables e 76 en perigo de extinción. Para garantir a súa conservación, vaise crear o listado de especies silvestres de protección especial.

O texto prevé multas de ata dous millóns de euros para quen provoque un incendio forestal que afecte o patrimonio natural, ademais de asumir o custo da reparación dos danos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/07/2019