CRTVG

Buscar

Galicia aproba a primeira lei en España que permite multar por non vacinarse

Publicado o 23/02/2021 16:57

• O PPdeG defende que a Lei de Saúde "cumpre todas as garantías xurídicas", pero BNG e PSdeG dubidan da súa constitucionalidade

O PPdeG aprobou en solitario no pleno do Parlamento, cos votos en contra do BNG e do PSdeG, a reforma da Lei de Saúde galega. O texto, entre outras novidades, establece multas de entre 1.000 e 600.000 euros para as distintas infracións neste eido, entre elas, a negativa "inxustificada" á vacinación.

Os partidos da oposición criticaron, durante o debate da proposición de lei, a "vacinación obrigatoria". Segundo advertiron, só servirá para "darlles ás aos negacionistas". Ambas as dúas formacións rexeitaron apoiar unha reforma que, pensan, ten difícil encaixe legal.

A deputada do PPdeG, Encarnación Amigo, argumentou que "esa suposta obrigatoriedade das vacinas" non é tal, senón que no texto figura só un "poderá, en circunstancias moi concretas". Por esta razón, pediulles a nacionalistas e socialistas que apoiasen o texto e non se puxesen do lado negacionista.

En que consiste a Lei de saúde

A reforma da Lei de saúde de Galicia nace tras a negativa do Goberno central a regular a xestión da pandemia a través dunha lei orgánica. O obxectivo é adaptar a normativa para poder adoptar medidas con apoio legal, e que non queden anuladas polos xuíces, tal e como pasou recentemente no País Vasco co peche da hostalería.

A norma inclúe medidas preventivas para protexer a saúde en períodos de pandemia como a limitación da mobilidade e dos horarios e ocupación no caso dos establecementos, o peche de empresas, a prohibición de beber na vía pública, ou o peche perimetral de certas zonas.

A reforma tamén inclúe medidas impositivas. As autoridades sanitarias poderán obrigar a cidadanía a vacinarse, a facer probas diagnósticas ou impoñer confinamentos domiciliarios cando sexa necesario.

Con esta norma tamén se poderán intervir residencias de maiores, públicas ou privadas.

As sancións polo incumprimento da normativa oscilarán entre os 100 euros por non usar máscara ata os 600.000 nos casos moi graves.

Aprobada a lei de reactivación co 'non' de BNG e PSdeG 

A maioría absoluta do PP no Parlamento de Galicia permitiu a aprobación definitiva este martes da nova lei de simplificación administrativa e reactivación económica, coa que a Xunta pretende impulsar a implantación de iniciativas empresariais tras a pandemia da covid-19.

A norma contou co voto en contra dos dous grupos da oposición -BNG e PSdeG-, que coincidiron en acusar os populares de "baleirar" o público e de "ningunear" non só a eles, senón tamén aos axentes do Consello Económico e Social (CES) e á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Iso si, durante a votación de emendas, as posturas de nacionalistas e socialistas foron diverxentes, xa que se apoiaron mutuamente en varias delas, pero se abstiveron no resto. En calquera caso, a maioría dos populares tombou todas. Esta nova lei, anunciada pola Xunta pero rexistrada polo PP no Parlamento, busca axilizar e facilitar a tramitación dos fondos europeos nos proxectos tractores, reducir burocracia e rebaixar impostos, especialmente en zonas rurais e despoboadas.

Ademais, inclúe outras medidas que foron constantemente criticadas pola oposición, como a posibilidade de que as iniciativas sexan aprobadas se transcorren tres meses sen que a Xunta emita o informe preceptivo, ou a redacción dos ditames ambientais por parte de "entidades de colaboración"

Noticias web

23/02/2021