CRTVG

Buscar

O Congreso apoia limitar as competencias do Poder Xudicial en funcións

Publicado o 11/03/2021 17:21
O Congreso apoia limitar as competencias do Poder Xudicial en funcións

Luz verde á proposición de lei impulsada polo PSOE e Unidas Podemos para impedir que o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) faga nomeamentos mentres estea en funcións. Foi aprobada no pleno do Congreso por 196 votos a favor e 150 en contra. Agora irá ao Senado e podería entrar en vigor no mes de abril.    

Ambos os dous grupos presentaran esta iniciativa para presionar o PP a sentarse a negociar a nova composición do CXPX pero a estratexia, polo momento, non funcionou.

O Consello do Poder Xudicial leva máis de dous anos e tres meses en funcións e hai dúas semanas populares e socialistas racharon o último intento de chegar a un acordo. O PP vetou a candidatura do xuíz José Ricardo de Prada, que formou parte do tribunal do caso Gürtel, proposto como vogal polo Goberno.

Ambas as dúas partes manteñen firmes as súas posicións. Porén, o acordo entre PSOE e PP é necesario porque os novos membros precisan dun apoio parlamentario de tres quintos. O horizonte electoral aberto nas comunidades de Madrid e de Murcia, afasta aínda máis a posibilidade dun entendemento próximo.