CRTVG

Buscar

Aprobada a Lei de augas termais de Galicia

Publicado o 17/12/2019 20:12

O Parlamento de Galicia aproba a Lei de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia. Saíu adiante co voto favorable do grupo popular, que defendeu a necesidade da norma para cubrir o baleiro legal existente e para darlles seguridade tanto aos empresarios do sector como aos usuarios das augas.

A oposición votou en contra porque, segundo din, a nova lei renuncia a considerar as aguas, xa sexan superficiais ou subterráneas, como un ben de carácter público.

As finalidades da lei, segundo establece o artigo 2, son velar pola seguridade dos propios usuarios, en canto á hixiene e salubridade das augas, pero tamén garantir un aproveitamento axeitado dos mananciais e promover o desenvolvemento económico das zonas onde se asentan.

A lei diferencia claramente entre os balnearios, cun uso terapéutico e sanitario, e que xa teñen unha regulación específica, e o que popularmente coñecemos como termas ou pozas, que teñen un uso recreativo e que, ata agora, carecían de regulación.

Así de concorrida estaba esta tarde a piscina termal das Burgas. Desde turistas a usuarios habituais que buscan relaxación e benestar, pero tamén solucións terapéuticas: "Eu teño moitas cousas, artrose, artrite, osteoporose... e tomo algo pero isto tamén me axuda".

O uso terapéutico é, precisamente, o que distingue os balnearios e talasos, regulados por lei desde o ano 95, dos espazos termais de carácter lúdico, que se converteron nunha das grandes apostas turísticas do século XXI en Ourense pero que, ata agora, carecían de regulación.

"Cómpre lembrar que as augas teñen os seus efectos beneficiosos pero tamén teñen contraindicacións, polo que deben ser empregadas con cautelas", subliña Benigno Amor, xerente da Asociación de Balnearios de Galicia. 

Á parte das garantías sanitarias para os usarios, desde o sector confían en que unha maior seguridade xurídica anime a posta en marcha de novas instalacións.

Gabriel Alén, vicepresidente de Vilas Termais da FEMP: "Como promotor destas instalacións, vaiche dar unhas directrices de por onde seguir, para darlle o mellor servizo ao cidadán".

A lei regulará taména protección dos mananciais e o réxime de concesión das explotacións termais.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

17/12/2019