CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Aprobada a fusión entre Bankia e BMN

Publicado o 14/09/2017 14:57

Luz verde á fusión de Bankia e do Banco Mare Nostrum. O Goberno prevé que esta operación incremente os beneficios da entidade e favoreza o seu proceso de privatización. Diso depende en boa parte a recuperación dos cartos das axudas públicas que as dúas entidades recibiron durante a crise. Dúas xuntas de accionistas simultáneas, celebradas este mediodía en Madrid e Valencia, aproban a fusión entre Bankia e Mare Nostrum.

As dúas entidades están participadas polo FROB e recibiron as axudas públicas do rescate bancario; uns cartos que, segundo o goberno, poderían recuperse máis facilmente se a entidade gaña valor e atrae investidores para completar a súa privatización. O presidente de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri, subliñou que a unión con BMN elevará en 245 millóns os beneficios.

O proceso de fusión real entre Bankia e BMN culminará coa integración dos seus sistemas informáticos no segundo trimestre de 2018. Despois de absorber o Banco Mare Nostrum, Bankia, que era a cuarta entidade do Estado por activos e depósitos, pasa a ser tamén a cuarta en número de créditos. Traballadores de BMN e pequenos accionistas amosaron a súa preocupación por como lles poida afectar esta operación. Outra incógnita é como se vai resolver o solapamento de oficinas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí