Aprobada a cuarta prorroga dos ERTE cun custo estimado de 3.400 millóns
EFE
Con esta rúbrica, sindicatos, empresarios e Goberno daban o visto e prace ao quinto acordo sobre os ERTE asinado desde que empezou a pandemia.
Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, celebraba: "Imos transitar por ano e medio de historia de éxito do diálogo social". Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT, resumiao cun: "Ben está o que ben acaba". E para o presidente dos pequenos empresarios, Gerardo Cuerva: "Hai que construír, hai que acordar, sabendo que todas as partes deixamos pelos na gateira".
Horas despois, en reunión extraordinaria, o Goberno aprobaba as novas condicións. Son iguais ás anteriores, agás nun punto: as empresas que volvan traballar pagarán nestes catro meses menos cotizacións que as que continúen en ERTE.
José Luis Escrivá, ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, salientou: "É un instrumento para impulsar, estimular a recuperación da actividade cando se dan as condicións". Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Traballo, dicia: "Hoxe moitas persoas van poder durmir tranquilas. Teñen a certeza de que teñen un mecanismo de protección sen o cal hoxe teriamos máis de 6 millóns de persoas paradas".
O Goberno calcula que hai 550.000 traballadores en ERTE, practicamente a metade que en xaneiro. A prorrogación das axudas custaralles ás arcas públicas outros 2.000 millóns de euros.