CRTVG

Buscar

A revista

Aprendemos como hai que alimentar as colmeas durante o inverno

Publicado o 30/01/2018 13:25








O mel xa está recollido e foi un ano complicado, especialmente no interior. A campaña na costa puido salvarse grazas á boa floración do eucalipto, pero no interior a seca do verán fixo estragos. E xa non é só que baixara a produción, senón que as colmeas poden quedar escasas de reservas e comprometer a colleita deste ano así que, para evitar ese risco, toca atender os abelleiros agora no inverno.



A seca da pasada campaña permitiu que as abellas de costa aproveitasen ben a floración do eucalipto na primavera. No entanto, a falta de auga estragou as floracións de verán no interior, e resentíuse a colleita de mel.
O problema xa non é só que se perda produción un ano, senón que tamén se pode ver comprometida a do ano seguinte. As abellas teñen que estar fortes e ter reservas abondo para pasar a invernada, así que hai que detectar e corrixir eses desequilibrios para asegurar que, cando volva a floración, poidan aproveitala ben.



Non é recomendable abrir as colmeas por debaixo dos quince ou catorce graos de temperatura, porque co frío as abellas actívanse e consomen máis reservas. O ideal é aproveitar ao retirar o tratamento da varroa para facer ese control final antes da invernada, atendendo tres variables: a cantidade de cría que ten a colmea, as reservas de pole e as reservas de mel. Se falta algunha das tres cousas, haberá que axudalas cun suplemento alimenticio.



A alimentación de mantemento ten que ser densa e azucrada, para simular as reservas de mel da colmea, pero sempre é interesante que leve unha base de auga porque as abellas precisan hidratación. Neste caso comezamos por disolver dous quilos de azucre branco nun litro de auga morna.
Convén engadir proteínas vexetais e aminoácidos para obter unha ración máis completa. Pódese usar fariña de soia micronizada, é dicir, moída en po para que poidan comela ben; e lévedo de cervexa, incorporándoas sempre cunha peneira para que non faga grumos.

A achega de graxa faise cun aceite vexetal suave, neste caso de millo, que é máis barato e ten vitaminas interesantes. Bótase moi pouco, dúas culleres de café por cada quilo de masa. Tamén se lle pode botar un chorro de zume de limón para darlle vitamina C e conservar mellor a torta.
Hai preparados comerciais para alimentar as colmeas, pero dende a Agrupación Apícola de Galicia propoñen unha elaboración caseira.



Como vai envolta en papel vexetal de uso alimentario, as abellas poden comelo, así que a torta colócase directamente entre as entretapas da colmea, procurando non abrila demasiado. Unha destas porcións de cen gramos abondaría para arredor de tres semanas.

Para a primavera no interior, e no treito final do inverno na costa, cando se van achegando as floracións, quizais conveña darlles unha alimentación máis líquida para estimular a colmea. Neste caso trátase de imitar o néctar con auga e azucre para que a raíña comece a criar e as abellas estean fortes e activas cando chegue a fase de produción. Con esta estimulación hai que ter coidado, porque pode ser unha arma de dous gumes.



O labor de control e de mantemento é fundamental para que as abellas estean fortes e sas, e saian da invernada coa mellor capacidade de produción.
Entre a alimentación que cada vez é máis necesaria, os estragos que fai o tempo e os gastos que dá a loita contra a 'velutina', os custos de produción do mel van a máis. Por iso é importante afinar moito o manexo deste gando, e sacarlle o mellor rendemento posible.

A revista

30/01/2018