CRTVG

Buscar

Aprazan o Resurrection Fest, volverá en 2022 cun "dos mellores carteis que xamais tivemos"

Publicado o 16/04/2021 14:43
Aprazan o Resurrection  Fest, volverá en 2022 cun "dos mellores carteis que xamais tivemos"

A organización do Resurrection Fest Estrella Galicia comunicou que a décimo quinta edición deste festival, un dos máis importantes que se celebra en España de metal e hardcore, queda aprazada ata 2022, como consecuencia das restricións provocadas pola pandemia de covid-19.

Mediante un comunicado dirixido a todos os fans deste festival, que se celebra na localidade lucense de Viveiro, os promotores expresaron a súa confianza en que este novo aprazamento sexa o definitivo, porque na loita contra a pandemia "por fin se ve a luz ao final do túnel, grazas á vacinación masiva".

A décimo quinta edición do Resurrection Fest celebrarase do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2022 e todas as entradas compradas previamente (abonos, Resucamp, viaxes…) serán válidas o ano que vén sen necesidade de facer nada por parte dos compradores.

"Na medida do posible, pedímosvos que gardedes as vosas entradas para que o festival poida seguir adiante con forza e facer a edición máis épica da nosa historia", engaden os promotores.

"A verdade é que, aínda que pensabamos que o máis difícil xa pasara, tras dous anos sen poder facer festivais, espérannos moitos máis meses sen poder volver ao traballo como outrora, xa que a cultura e a industria da música en directo fomos dos peor parados nesta pandemia", lamenta a organización.

De feito, os promotores do Resurrection falan de "perdas millonarias e de moitos postos de traballo ao longo do ano e durante o evento (case 4.000 postos de traballo entre directos e indirectos), cun impacto económico na comarca e sobre todo en Viveiro de máis de 17 millóns de euros en só unha semana".

"Sendo un festival independente, sen ninguén detrás que manteña á boia ao barco, esta travesía moito máis difícil", lembran, por iso é polo que a organización tamén valore "a fidelidade" do público "cun mínimo número de devolucións" na pasada edición. "Confiamos en que este ano poidades estar aí de novo", piden no seu comunicado.

Ademais, anuncian que o 2022 "se presenta moi bo" e anuncian "un cartel similar ao de 2020 e 2021", porque esperan manter "moitísimas das bandas" e introducir "novas sorpresas". "Será un dos mellores carteis que xamais tivemos, e esperamos anuncialo proximamente. Ademais gardámosvos unha gran sorpresa para este ano, así que permanecede atentos", aseguran.

"Durante estes 15 anos pasamos por moitas fochancas e sempre saímos adiante convosco. Sabemos que 2021 será outro ano máis da man do noso público e todo o malo quedará atrás", conclúen.