CRTVG

Buscar

Aprazan o desaloxo dun poboado chabolista en Vigo

Publicado o 01/12/2020 14:15

No poboado de Navia, en Vigo, viven oito falmilias con seis menores. Algúns defenden que levan aquí máis de 30 anos. A xustiza determinou que deben abandonar estes terreos, que non son da súa propiedade, onde se vai construir un centro comercial.

A empresa propietaria do lugar aceptou a petición que lle fixo o concello de Vigo para aprazar o desafiuzamento ata xaneiro.

"Bótannos de aquí, mandáronnos unha carta para desaloxar o día 11, pero polo Nadal paralizan ata pasar as festas. Aquí vivimos oito familias con seis menores", explica unha das residentes no poboado.

"Estamos intentando que non nos boten. Tivemos varios xuízos e xa nos chegou a carta de desaloxo o día 11. Puxémonos en contacto coa Alcaldía, pero non tivemos resposta. Non nos poden deixar na rúa cando levas buscando piso dende que chegamos aquí, pero ao non termos nin nómina nin contrato, non nos alugan", relata outra das afectadas.

Jesús Silva, avogado dunha das familias, explica así o que sucedeu: "Construiron as súas chabolas, teñen auga e luz. Esas chabolas están no padrón. O que pasa é que os terreos vendéronse e a empresa iniciou os trámites dun desafiuzamento en precario".

As familias manteñen que a súa situación económica é moi complicada e solicitan a axuda das administracións para atopar novas vivendas no próximo mes.

"Non sabemos a onde ir. Non nos contestan nin do Concello nin da Xunta. Aquí en Navia hai pisos de protección oficial polos que pagas 100 euros ao mes, e non nos dan esa oportunidade. E eu quería esa oportunidade para vivir dignamente", reclama unha das mulleres que vive nas chabloas.

As familias agardan conseguir unha nova vivenda antes de ter que abandonar o poboado en xaneiro.

Noticias web

01/12/2020