CRTVG

Buscar

Aprazado o cumio europeo por un positivo na contorna de Charles Michel

Publicado o 22/09/2020 21:03

O presidente do Consello Europeo, Charles Michel, decidiu este martes aprazar ao 1 e o 2 de outubro o cumio extraordinario comunitario previsto para o 24 e o 25 de setembro, despois de que unha persoa coa que el estivo en contacto hai uns días dera positivo por covid-19. 

"O presidente do Consello Europeo decatouse hoxe de que un garda de seguridade con quen estivo en estreito contacto a semana pasada deu positivo", sinalou un portavoz desa institución na rede social Twitter.

Engadiu que Michel fai probas de coronavirus de "maneira regular" e que onte mesmo deu negativo a un deses test.

"Tal como establecen as normas belgas, ten que facer corentena a partir de hoxe", indicou o portavoz.

O cumio desta semana ía abordar as posibles sancións contra Ankara, no contexto da tensión pola procura de gas en augas mediterráneas sobre as que Turquía, Chipre e Grecia reclaman dereitos. Os líderes ían falar tamén da situación da pandemia de coronavirus, así como sobre o mercado único, a política industrial, a transformación dixital e as relacións coa China. 

 

Noticias web

22/09/2020