CRTVG

Buscar

Apple e Google revelan como serán as aplicacións de rastrexo de contactos de COVID-19

Publicado o 05/05/2020 07:27
Apple e Google revelan como serán as aplicacións de rastrexo de contactos de COVID-19

Apple e Google mostraron este luns por primeira vez imaxes de como serán as futuras aplicacións que gobernos de todo o mundo creen para os seus sistemas operativos en teléfonos móbiles para rastrexar os contactos sociais e facer fronte á pandemia da COVID-19.

Así, se unha persoa entra en contacto con outra que deu positivo ou que despois da interacción dá positivo por coronavirus, poderá recibir un aviso no seu teléfono e someterse a unha corentena para determinar se se produciu infección.

As dúas empresas, que a semana pasada abriron a súa tecnoloxía a certos desenvolvedores de programas, publicaron este luns unha serie de imaxes en que pode verse na pantalla dun móbil como serán estas aplicacións cando o usuario as abra, cando lle notifiquen que estivo en contacto con alguén infectado ou cando el mesmo dea positivo por COVID-19.

Apple e Google tamén aproveitaron para lembrar algunhas das guías que os desenvolvedores deberán seguir; por exemplo, que as aplicacións non poderán acceder a ningún tipo de xeolocalización, que deberán ser creadas por organismos vinculados a Gobernos e que deberán pedir permiso ao usuario para enviar ou recibir notificacións.

As dúas firmas sorprenderon a principios de abril cunha alianza sen precedentes nun ámbito de gran competencia na industria tecnolóxica ao revelaren que estaban a traballar conxuntamente nun proxecto para usar datos de mobilidade das persoas na loita contra a pandemia de COVID-19.

A idea é aproveitar a ubicuidade dos sistemas operativos para móbiles de Apple con iOS e Google con Android para solicitar e poñer ao dispor das autoridades sanitarias en todo o mundo datos de mobilidade e de contactos entre individuos que permitan facer un mellor seguimento e predición das infeccións da COVID-19.

Esta formulación xa se levou adiante en países asiáticos como A China e Corea do Sur e abre serias dúbidas acerca da privacidade da información dos usuarios, algo que Apple e Google din ser capaces de mitigar mediante o uso de Bluetooth (unha tecnoloxía menos invasiva que, por exemplo, a xeolocalización) e o carácter "voluntario" dos programas.

A alianza entre os propietarios dos dous sistemas operativos para móbiles máis presentes no mundo deberá empezar a materializarse a mediados de maio, cando lancen unha interface de programación de aplicacións (API) compatible tanto con Android como con iOS.

As API son o marco dentro do que operan os sistemas informáticos, e historicamente as de Android e iOS foron incompatibles entre elas, o cal, de facto, dificultaba moito e mesmo chegaba a impedir nalgúns casos a correcta comunicación entre ambos os sistemas.

A nova API, con todo, permitirá unha comunicación fluída entre Android e iOS coa idea de que as aplicacións oficiais que creen as distintas autoridades sanitarias poidan descargarse tanto en iOS como en Android e a información que soliciten poida ser agregada sen importar cal é a linguaxe informática de cada aparello.