Apoio do tecido empresarial coa formación práctica na FP
Chegan cos nervios propios das primeiras veces pero sabendo que é un gran paso para o seu futuro. Son os 12 alumnos do ciclo de Elaboración de Produtos Alimentarios que agora inician en Nueva Pescanova as prácticas que os achegarán de preto ao mundo laboral.
"Canto te formas para un posto de traballo, cando á hora da verdade chegas a el, moitas cousas cambian, a produción, a calidade. Cres que neste tipo de ciclos se fomenta que saias de verdade formado e cuns obxectivos cumpridos como ciclo", explica un dos alumnos.
O conselleiro de Educación puxo en valor a colaboración das empresas coa formación práctica dos ciclos de FP, que este curso contan con 14.000 alumnos en máis de 8.200 empresas. Un apoio que redunda nunha maior inserción laboral dos estudantes que supera o 90 %.
"É positivo para o alumno, que pode entrar no mercado laboral e medrar como profesional, e é positivo para a empresa, que pode ter profesionais mellor formados que lle axuden a desenvolver as súas funcións e a ser máis competitivos", sinala Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade.
Román Rodríguez anunciou que a Xunta vai impulsar un proxecto pioneiro de másteres para a Formación Profesional, cursos especializados nas áreas con máis demanda laboral.