CRTVG

Buscar

Apodéranse de plantas dun horto terapéutico de Noia

Publicado o 01/04/2021 14:05

Nunha parcela fan terapia ocupacional os usuarios dos centros de Misela, unha asociación de persoas con discapacidade das comarcas de Noia e Muros. Nesa horta están felices e síntense útiles porque venden a colleita ás súas familias ou mesmo a hostaleiros. Pero esta semana levaron unha sorpresa desagradable que lles causou un desgusto. 

Oliva Filgueira, coordinadora dos centros da asociación Misela:  "A miña compañeira púxose moi nerviosa, os mozos eran un poema, as súas caras. Non podían entender como alguén pode saltar aquí o valado e levar todo."

Un ou varios desaprensivos aproveitaron que a horta está algo metida no monte para entrar no invernadoiro e apoderarse de oito bandexas con sementes. Nada menos que duascentas plantas de leitugas, tomates, pementos ou albahaca. Máis que a perda económica, lamentan o dano moral. 

Oliva Filgueira, coordinadora dos centros da asociación Misela: "Aféctanos poque nos sentimos ultraxados que nos leven todo o nosos traballo, desmorónaste. Dentro deso, polo menos que non nos fagan ningún estrago porque para nós, o programa este de agricultura terapéutica é un programa no que eles participan. Debido ao confinamento que teñen menos posibilidades de saír, pois vir aquí dúas ou tres tardes á semana suponlles un momento de relax e de sentirse autónomos. Moralmente supón moito e economicamente todo suma. pero seguiremos adiante, claro."

E para eso contan coa solidariedade doutras asociacións que, sabendo o do roubo, achegáronlles outras plantas para poder salvar a colleita. Oliva Filgueira, coordinadora dos centros da asociación Misela: "Desde aquí non nos queda máis que agradecerlle a esas persoas que cren na nosa labor, que o que facemos é moi útil para que as persoas con discapacidade poidan desenvolverse de forma autónoma na sociedade."

A asociación Misela creouse en 1993 en Noia. Un dos seus equipos atende a menores con discapacidade ata os 16 anos. E no centro de día e ocupacional,aos maiores desa idade.

Noticias web

01/04/2021