CRTVG

Buscar

Filipe VI, na apertura da XIV lexislatura: "España debe ser de todos e para todos"

Publicado o 03/02/2020 21:02

Diálogo, respecto e convivencia foron as ideas mais repetidas na sesión solemne, presidida polo rei Filipe, que inaugurou a XIV lexislatura. A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, avogou polo entendemento entre os partidos políticos.

Meritxell Batet, presidenta do Congreso: "A democracia non é nin pode ser exclusión, no Parlamento non existe o inimigo".

O rei Filipe apelou en varias ocasións aos valores constitucionais e ás Cortes como corazón do sistema democrático: "Pactar e controlar, acordar nuns asuntos e disentir noutros son consustancias ao noso réxime parlamentario en que a diversidade de ideas e opinións vai unida ao común respecto aos nosos valores constitucionais".

E, nunhas Cortes cada vez máis fragmentadas, o monarca enviou unha mensaxe a prol da convivencia: "España non pode ser de uns contra outros. España debe de ser de todos e para todos".

O rei pediulle aos que ostentan cargos públicos nas diferentes administracións que manteñan o comportamento que merece a sociedade española.

Os xestos marcaron o inicio da lexislatura

A porta dos Leóns do Congreso volveu abrir para inaugurar a actividade parlamentaria. Mentres fóra as autoridades escoitaban o himno, dentro volvía haber lea cos escanos, con parlamentarios de Vox ocupando sitios do PSOE e Unidas Podemos. Movéronse tras a mediación do seu voceiro. Pero o principal foco estaba nos bancos azuis coa primeira imaxe do Goberno de coalición do PSOE e Unidas Podemos

A chegada do monarca foi recibida co hemiciclo en pé, aplaudindo. Con algunhas excepcións. Aplaudiron os ministros de Podemos, pero non a maioría dos seus deputados que se limitaron a estar de pé .Tampouco os representantes do PNV.

En pé e aplaudindo despediu tamén o rei Filipe boa parte do hemiciclo.

A sesión rematou cos reis saudando os asistentes ao acto e o desfile militar na carreira de San Jerónimo.

 

 

Noticias web

03/02/2020