Aparece un raposo morto e colgado dunha árbore preto dun colexio en Santiago
O animal, con aspecto de levar varios días morto, permanece colgado nunha árbore á beira dun camiño próximo ao aparcadoiro do colexio Peleteiro, na zona compostelá do Castiñeiriño. Unha veciña do barrio, que o viu cando paseaba os cans, di que avisou do achado a Garda Civil, pero esta mañá o cadáver do raposo seguía no mesmo sitio. A muller, desgustada, amosaba o seu parecer por este feito.
Rosana Digón, veciña de Santiago que avisou do achado á Garda Civil: "Moi mal, porque, en primeiro lugar, xa estou en contra dos cazadores, de sempre. Segundo, porque é un foco de infección. Eu vexo mal que se maten os animais así. Unha cousa é que haxa unha praga, como no caso dos xabarís. Se proliferan moito é normal que haxa que cazalos".
Rosana cuestiona o feito de que se permita a caza preto de vivendas e, neste caso, preto dun colexio: "Os escolares saen, veñen os pais recollelos e escóitanse os tiros, e iso non é normal. E como se van cazar ao Obradoiro, alí, na praza".
O balance anual da tempada de caza do raposo en Galicia cifra en 12.000 os animais abatidos. Pódese cazar no período hábil de caza menor e en batidas. Estas terán que ser autorizadas e o próximo período está fixado do sete de xaneiro ao 9 de febreiro.
Á marxe do debate sobre a conveniencia ou non de cazar os raposos, resulta difícil comprender por que alguén deixou este exemplar morto colgado dunha árbore.