CRTVG

Buscar

Aparece o matrimonio do Valadouro tras percorrer centos de quilómetros

Publicado o 30/04/2019 05:07

Os dous anciáns que desapareceran onte no Valadouro foron atopados sans e salvos nas aforas de Mondoñedo. O matrimonio desorientouse ao volver para casa co seu coche e estiveron dando voltas co vehículo toda a noite. De feito, o contaquilómetros rexistraba máis de mil feitos nas últimas horas. Malia o acontecido, os familiares e veciños amósanse aliviados xa que pensaban que os anciáns sufriran un accidente.

Foi nesta rotonda á saída de Mondoñedo onde apareceron, dentro do seu vehículo, Primitivo Marrube e Celsa Chao, o matrimonio de anciáns do Valadouro que levaba desaparecido dende onte a primeira hora da tarde. A parella foi xantar a un restaurante de Mondoñedo e, ao voltar para casa, desorientáronse co coche e non foron quen de atopar o camiño. Así, estiveron dando voltas co vehículo case toda a noite chegando a facer mil quilómetros nun traxecto que os levou ata Ponferrada. Finalmente, apareceron sans e salvos no interior do coche a uns 20 quilómetros da casa.

"Estaban desoreintados pero non tiñan problemas físicos. Todo apunta a que perderon o camiño e non daban regresado para a casa".

Efectivos de Protección Civil do Valadouro e da Garda Civil estiveron a buscar a parella toda a mañá, empregando incluso un helicópetro. Así pois, houbo un desenlace feliz e non se cumpriron as peores expectativas que apuntaban a un accidente de tráfico cunha posible saída de vía.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

30/04/2019