CRTVG

Buscar

Aparece o corpo sen vida do home que saíra nunha canoa de Lira a Caldebarcos

Publicado o 20/07/2020 19:16

Saíra no kaiak do porto de Lira dirección Caldebarcos contra as seis da tarde. Ao parecer antes das oito puido chamar á muller para alertala de que tiña problemas para controlar a embarcación, e foi ela a que deu aviso a emerxencias.

O forte vento de nordés que se levantou pola tarde na zona puido ser a causa de que perdera o control da embarcación.

Din que o home, veciño de Carnota, era deportista e papadexeiro habitual.

A busca concentrouse na área de Caldebarcos, e unha muller que estaba nesta praia da Insuela avisou de que escoitara pedir auxilio dende o mar.

No operativo de busca participaron dous helicópteros e embarcacións de Salvamento Marítimo, Garda Civil, Protección Civil e voluntarios da confraría de Lira. Buscaron por terra, mar e aire. Finalmente foi o helicóptero Helimer 401 o que atopou o corpo e mais o kaiak preto das illas Lobeiras contra as dez e media da noite.

A tarde de onte deixou outra emerxencia cos kaiaks, pero con mellor desenlace. Seis persoas tiveron que ser rescatadas a bordo de tres canoas cando navegaban sen rumbo e desorientados pola néboa preto de Cortegada.