O home que apareceu morto en Vigo faleceu por causas naturais
Publicado o 11/06/2021 13:59
A Policía Nacional confirmou o falecemento por causas naturais do home que apareceu morto este venres no paseo das Avenidas, en Vigo.
Pasadas as 9:30 da mañá, unha ambulancia do 061 desprazouse ata o lugar, pero o persoal sanitario non puido facer nada por salvarlle a vida.
Nun primeiro momento, a policía temeu que se tratase dunha morte violenta porque o corpo, localizado nun banco próximo á estatua de Julio Verne, tiña restos de sangue.
Con todo, tras o levantamento xudicial do cadáver, constatouse como causa un derramo interno. A vítima era unha persoa sen fogar que adoitaba pernoitar no aberto do Náutico.