CRTVG

Buscar

Aparece o corpo sen vida da muller desaparecida na costa de Ribadeo

Publicado o 12/06/2019 14:54

A veciña de Ribadeo que levaba desaparecida dende onte pola mañá apareceu morta. A Garda Civil atopou o seu cadáver entre as rochas, á beira do mar na zona da illa Pancha. A muller marchara da casa sen avisar e foi seu pai o que denunciou a desaparición. O corpo foi localizado por un helicópetro da Garda Civil, pasadas as nove da mañá.

Laura López Saavedra, de 40 anos de idade e veciña de Ribadeo, foi atopada morta nesta zona lindeira co mar nas inmediacións da illa Pancha. A muller levaba desaparecida dende onte pola mañá. Efectivos de Protección Civil, Policía Local, Bombeiros de Barreiros e da Garda Civil estivérona buscando por todo o concello de Ribadeo, especialmente na faixa costeira, onde hai máis risco de accidentes. Finalmente foi un helicóptero da Garda Civil o que localizou o cadáver. O rescate do corpo realizouse mediante medios terrestres.

"Na busca participaron efectivos de distintos corpos e dos postos da Garda Civil da Mariña"

A muller estaba ausente do seu domicilio dende onte pola mañá. Saíu da casa sen dar aviso e deixou nela todos os seus efectos persoais, incluíndo a documentación e o teléfono. O seu pai deu aviso á Garda Civil e rapidamente se estableceu o dispositivo de busca. Os labores de rastrexo interrompéronse durante a noite e retomáronse á primeira hora da mañá. Contra as nove e vinte o helicóptero localizou o corpo da muller e efectivos da Garda Civil procederon a levalo á parte superior do cantil ante o risco de que a subida da marea puidera arrastrar o cadáver.

"Tivemos que subir o cadáver a unha zona elevada porque había risco de que o levara a marea"

Ata o lugar onde apareceu o cadáver desprazouse unha forense, que certificou o falecemento da muller e recolleu os primeiros datos para determinar a causa da morte.