CRTVG

Buscar

Aparece morta na praia do Balarés, en Ponteceso, unha balea de 17 metros

Publicado o 21/01/2019 14:33

A praia de Balarés, en Ponteceso, é un ir e vir continuo de persoas desde que o sábado varou alí unha balea morta de 17 metros. O domingo foron ata aló entre 2.000 e 3.000 persoas, en cálculos do Concello e, ao paso que vai o día, hoxe vaise repetir a romaría antes de que, mañá, martes, o CENMA comece o despezamento do exemplar de balea común para ditaminar a causa da morte. O concello de Ponteceso quere quedar co esqueleto para lucilo nun museo.

O cheiro deixa adiviñar de lonxe onde está o exemplar de balea común de 17 m de longo e unhas 20 toneladas de peso que varou o sábado, xa morta, na praia de Balarés, en Ponteceso.
Pero malia os cheiros e o mal tempo, a xente non para de acudir. Ás dez e media da mañá do luns xa había máis dunha ducia de persoas admirando o exemplar e tirando fotos. Só o domingo, o concello de Ponteceso calcula que pasaron por esta praia entre 2 mil e 3 mil persoas. Ninguén quere perder a ocasión de ver de preto algo tan pouco común. A balea común é a especie máis grande despois da balea azul.

O concello recibiu o aviso ás 9 da mañá do sábado e axiña se puxo en contacto ca Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños CENMA para pedir consello. Recomendárolles afastala da marea para poder procesala. Cun guindastres arrastrárona ata qye partiu a cola.
Mañá mesmo, os biólogos da coordinadora han iniciar o procedemento de despece do animal e han recoller mostras para estudar a causa da morte, previa ao varamento. Unha vez rematado este traballo, o concello quere quedar co esquelete para locilo nun dos seus museos e que non llo leven como lles pasou con outra balea que varara hai tempo na praia do Niño do Corvo. O proceso de secado dos ósos levará de ano a ano e medio.

O aumento de varamentos de cetáceos en Galicia pódese deber a un cambio de ruta dos animais. Desde decembro é o sétimo exemplar de balea varado nas costas galegas.






 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2019