CRTVG

Buscar

Aparece a imaxe da virxe do Cruceiro Novo, tras catro meses desaparecida

Publicado o 08/08/2020 20:24
Aparece a imaxe da virxe do Cruceiro Novo, tras catro meses desaparecida

A imaxe da virxe do cruceiro da capeliña de Cruceiro Novo, na Pobra, apareceu na madrugada do venres ao sábado. Levaba desaparecida dende o mes de abril. Unha condutora atopouna na estrada que vai de Moldes a Palmeira e decidiu dar aviso á Policía Local de Ribeira. Catro meses despois, a figura escultórica volve á capela.

"Os cruceiros de capela ou capeliña son singulares e distintos dos convencionais. A comarca do Barbanza é a que máis exemplares ten", apunta Carlos Fernández, presidente da Asociación para a defensa do Patrimonio Galego. Caracterízanse, entre outras cousas, por ter "un espazo baleiro onde se deposita unha figura", engade. O feito de que se atopara na estrada de Palmeira a Moldes, a tan pouca distancia de onde desapareceu fai pensar "nun acto de vandalismo", explica Fernández.