CRTVG

Buscar

Os propietarios dos coches atrapados dentro dun aparcadoiro de Lugo precintado pola policía recuperan os vehículos

Publicado o 07/08/2019 12:01

Varios usuarios dun aparcadoiro situado no Camiño Real atopáronse a última hora da noite con que non podían retirar os seus vehículos. A Policía Local precintara o recinto de maneira inesperada para eles e tampouco foron avisados polos propietarios.

Segundo o Concello, o propietario do aparcadoiro fora avisado con anterioridade e requirido para que emendase determinadas deficiencias que facían perigar a súa licenza. Estas irregularidades terían que ver con asuntos de disciplina urbanística. Con todo, aseguraron fontes municipais, eses problemas non foron solucionados dentro de prazo, polo que o luns axentes da Policía Local pasaron de novo para advertir o propietario do inminente peche e indicarlle que avisase os clientes e usuarios.

Procedeuse ao precintado do establecemento, que tamén dispón dunha pequena tenda e servizo de limpeza de vehículos con túnel de lavado, á primeira hora da tarde. O resultado é que varias decenas de vehículos quedaron dentro porque non se avisou os seus propietarios. Logo de ver como os seus vehículos estaban atrapados, esta mañá funcionarios do Concello e axentes da Policía Local acudiron a abrir o establecemento para que os puidesen retirar.