CRTVG

Buscar

Anxo Moure volve con Cinema Palleiriso

Publicado o 28/05/2020 14:11

O parque onde o escritor e contacontos Anxo Moure ensina educación ambiental aos rapaces está de volta en Chantada tras a parada do coronavirus. Un parque cunha casa nunha árbore, teatro de marionetas, cinema, lectura, música e  lecer.

Anxo Moure leva trinta anos poñendo en marcha proxectos de educación ambiental como os Contos desde a casa das árbores cinema palleiriso. Desenvólvese no parque Carballo con Botas, que creou na súa localidade natal, Mairiz, Chantada. Alí hai máis de 32 especies de árbores, e entre elas ensina aos rapaces a importancia de coidar a natureza.


"Teñen pasado máis de 5.000 nenos e nenas para escoitar historias que lles ensinen a poñer en valor as árbores, os seus froitos e ese pequeno tesouro que son como fábricas de osíxeno", di Moure.

Tamén hai cinema, para o que habilitou unha sala especial na que os rapaces non só ven películas, senón que escoitan os sons da natureza como banda sonora.

"E o único cine, penso eu, construído enriba dun pallar, ou dentro dun pallar, no que as butacas están recollidas de cines vellos nos que eu me criei", explica.

Cómico, escritor e contacontos, Moure retoma a actividade tras o parón do coronavirus con todas as medidas de seguridade. Distancia, hixiene, todo acabado de pintar e proxeccións a demanda.

 

Noticias web

28/05/2020