CRTVG

Buscar

Anulan a sanción a unha veciña multada durante o confinamento

Publicado o 23/02/2021 17:21

Un xulgado de Ourense anula a sanción que lle impuxeran a unha veciña da cidade durante o confinamento cando paseaba co can preto dunha aldea da Viana do Bolo, onde vive seu pai.

Ocorreu a comezos de abril do ano pasado nunha pista forestal preto da aldea de Pradocabalos. Alí topouse cunha patrulla do Seprona.

"Preguntáronme que facía alí e dixen a verdade en todo momento. Dixéronme que non podía estar nese lugar e marchei para a casa. Non desobedecín ningunha orde", relata.

Despois no informe, asegura, "puxeron que estaba nunha segunda residencia cando é mentira, porque teño permiso para coidar do meu pai. Ademais cando empezou a corentena pilloume alí e non me movín da vila para nada".

Amparo foi sancianada a pagar unha multa de 601 euros por unha infracción grave por desobediencia recollida na Lei de seguridade cidadá. Pagou, pero decidiu recorrer. A xustiza acaba de darlle a razón.

"Para que una persoa incumpra por este tipo normativo administrativo ten que existir un previo requirimento expreso da autoridade para facer algo ou non facelo e que a persoa non cumpra", asegura o avogado Javier González.

Neste caso, Amparo obedeceu tras ser advertida polos axentes e por iso a xuíza desestimou a denuncia. Aconteceu xa con outras sancións impostas durante o primeiro estado de alarma o que levou a reconducir este tipo de multas.

Así e todo, a maior parte dos cidadáns sancionados durante o confinamento pagaron sen presentar recurso.

Noticias web

23/02/2021