Antonio Serrat, bronce europeo en Valencia, pon o ramo a unha temporada espectacular
O 2021 é definitivamente o ano de Antonio Serrat. O ramo chegoulle esta fin de semana en Valencia, co bronce no Campionato de Europa de Tríatlon.
"Estou moi contento polas sensacións en carreira e porque houbo moito nivel, sentinme competitivo", asegura Antonio.
O terceiro posto pecha un círculo case perfecto, despois de que o vigués fose quinto no Campionato do Mundo, oitavo nas Series Mundiais e quedase ás portas de participar nos Xogos Olímpicos, para os que foi seleccionado como atleta suplente.
"Estou moi contento cos resultados pero con ansias de seguir medrando", explica o triatleta.
Aos seus 26 anos, Serrat aséntase na elite mundial, disposto a coller a remuda de Gómez Noya, cando o ferrolán pase definitivamente á longa distancia.
"Os xogos creo que son o soño de calquera deportista. Están un ano máis cerca. Quedan tres anos para París. Pero hai que ter os pés na terra porque o equipo é moi forte e a posición está competida", recoñece.
Antonio Serrat prosegue en Pontevedra o seu camiño cara á cita olímpica parisiense.