CRTVG

Buscar

Antonio Rodríguez: "Se queremos que retornen, non podemos negarlles dereitos aos galegos no exterior"

Publicado o 28/11/2018 11:09

Na entrevista do 'Bos Días' falamos con Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración.

  • Sobre o desbloqueo das pensións venezolanas

"Significa que, por fin, o Banco de España actualizou as táboas de cambio do valor do bolívar respecto do euro. Ese cambio xa se fixera efectivo en Venezuela, pero non se tiña aplicado. Agora xa se cuantifica de maneira máis axustada".

"Os galegos están pasando moitísimas dificultades en Venezuela. Hoxe hai familias que teñen que loitar por sobrevivir, cando antes podían manter unha vida propia da clase media". "O Goberno galego ten que estar axudando alí, tamén da man do Goberno español". "Traballamos dende a Xunta e en colaboración con asociacións para axudar máis de 200 familias".

"A dificultade alí é moi extrema. Saír comprar comida é unha aventura. Os prezos que poden chegar a pedir no mercado secundario son autenticamente abusivos". "Nós estamos facendo todo o esforzo, tecendo unha rede de solidariedade. Os centros galegos convértense en puntos solidarios e os galegos tratan de coidarse uns a outros". "A Administración galega pon uns recursos económicos, as entidades galegas axúdannos a ter un soporte no país e toda a sociedade galega que está no país trata de ver cales son as persoas que están en situación de dificultade".

  • O voto rogado

"Temos que remontarnos ao ano 2011, cando en España se modificou a lei electoral. Os diferentes partidos estiveron dacordo en mellorar o sistema e estableceuse un novo mecanismo, semellante ao que sería o voto por correo. Pero aquí é moito máis sinxelo que noutros países, por iso se reduciu tanto a participación". "Queremos un sistema áxil, seguro e transparente. O voto dos galegos no exterior ten que ser digno". "Queremos favorecer a participación, pero con garantías".

  • Os galegos no exterior e a obtención da nacionalidade

"A posición da Xunta é coherente. Consideramos que os galegos que están no exterior son unha riqueza e unha potencialidade. Queremos que volvan a Galicia, aqueles que saíron recentemente, pero tamén os seus fillos e netos". "Se queremos convencelos para que veñan, non podemos negarlle dereitos dificultándolle a obtención da nacionalidade".

"Traballamos na estratexia Retorno 2020 porque cremos que nos poden axudar, entre outras cousas, a mellorar o problema demográfico. Poden vir a Galicia a traballar, son persoas con moi boa preparación académica e experiencia profesional. Non o podemos desperdiciar".

"No último ano tivemos un retorno que se incrementou moito respecto ao ano anterior. As últimas cifras son do 2017. Máis de 6.000 galegos decidiron coller o camiño do retorno. Pero este ano 2018, probablemente estaremos arredor dos 8.000, aínda que non teñamos datos fiables".

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

28/11/2018