CRTVG

Buscar

Antonio López, reitor da USC: "É necesario incrementar a financiación das universidades"

Publicado o 26/06/2019 11:28

A universidade pecha un novo curso e xa, á volta do verán, comeza outro. A Universidade de Santiago de Compostela ofertará 44 graos, 9 dobres graos, isto é case 4.600 prazas. "Cada curso é un novo reto", di Antonio López reitor da USC.

E nese novo reto está a cuestión dos recursos cos que conta a institución: "Estamos vivindo cuns orzamentos que son consecuencia dun plan de financiamento por cinco anos que se acordou en plena crise. Que temos que facer? Repensar o financiamento da Universidade e renegociar", asegura López. "Quizá o máis importante é incrementar o volume total do sistema universitario galego que agora mesmo anda rondando os 450 millóns", afirmou. "A crise fíxonos retroceder nisto, e é verdade que se perderon alumnos, pero está claro que é necesario incrementar a financiación das universidades".

O mapa de títulos, que o Ministerio de Educación puxo en cuestión nos últimos días, é unha dos debates que está sobre a mesa nestes momentos. "Eu penso que a mensaxe que lanza o Ministerio é que a oferta de títulos ten que ser adaptativa ao que demanda a sociedade, pero hai unha oferta de títulos que temos que manter porque son intrínsicos, como pode ser a Filosofía", di Antonio López, "pero temos que estar atentos a novos perfís, e a Universidade ten que adaptarse. Aparecen uns títulos e desaparecen outros".

"O que temos que trasladar é que agora cando alguén sae cun grao non é o mesmo que antes cando se remataba cunha licenciatura. Necesitamos incrementar o número de estudantes que fan o máster porque lles incrementa valor aos seus estudos", asegurou López. "As universidades estamos facendo un esforzos para ofertar estudos de máster, pero creo que nos falta dar un paso máis que é conectar a universidade coa empresa".

Respecto a relación que mantén a USC coas outras dúas universidades galegas o reitor compostelán dixo que "agora as tres universidades mantemos unha relación estreita de colaboración". Tamén dixo estar satisfeito coa valoración que lle dan á Universidade de Santiago as clasificacións que a cada pouco se fan públicas, "aos rankings hai que darlles o valor que teñen. Nós estamos sempre entre as dez mellores de España", dixo

En canto ao debate sobre a desigualdade entre comunidades nas probas de acceso á universidade Antonio López dixo que hai que velo con calma: "Hai un problema enriba da mesa e ímolo analizar, e é máis complexo que o de proba única ou non, porque iso levaríanos a un exame tipo test que non reflectiría as competencias do alumnado", concluíu

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

26/06/2019