CRTVG

Buscar

Antonio López: "Os retos da USC son a renovación do profesorado, a adaptación tecnolóxica e crear mecanismos de posta ao día"

Publicado o 04/02/2019 11:41

Na entrevista do Bos días, Marcos Sueiro conversa con Antonio López, reitor da Univesidade de Santiago de Compostela (USC).

Grandes retos da USC

"As xubilacións: nos anos 80 houbo unha democratización da universidade, puideron acceder moitos máis estudantes e precisáronse moito máis profesores, e eses profesores están chegando a idade de xubilación. Estamos entre 40 e 50 xubilacións cada ano. Un dos grandes retos é a necesidade de renovar o cadro de persoal. A fórmula é crear prazas de axudante doutor, que en catro ou 5 anos estarían en condicións de acceder a unha praza de titular".

"O reto tecnolóxico: canda a universidade presencial que todos coñecemos, xorde a universidade 4.0, que abre novas fórmulas a que poidan estudar connosco persoas que estean en calquera punto do mundo. Isto non quere dicir que vaiamos converternos nunha universidade virtual, pero si que hai que combinar esta posibilidade cun modelo presencial".

"Os avances tecnolóxicos fan que o coñecemento cambie moitísimo máis rápido agora ca hai 50 anos. Temos que ser capaces de facer que os nosos estudantes saian cun título pero tamén coa capacidade para rexenerar novo coñecemento e desde a universidade dar fórmulas para que poidan manterse en contacto con ese novo coñecemento, mecanismos de posta ao día".

Recursos da universidade
"Os recursos proveñen do que pagan os estudantes que estudan connosco, que en Galicia son dos máis baixos do país, e o resto son fondos que proveñen do orzamento público. Son necesarios recursos paralelos para afrontar os retos".

"Un dos problemas do plan Boloña foi que houbo que implantalo a custo cero, pero coincidiu cos anos da crise, e cos mesmos recursos que había. Mellorar sen poñer recursos é imposible. Os datos din que hai que facer un maior gasto en universidade en relación ao PIB, porque estamos por debaixo das medias".

Débeda da USC
"A USC ten un orzamento de 245 millóns de euros e unha débeda de arredor de 25; en termos relativos ao orzamento non é preocupante, aínda que si era preocupante o calendario que tiñamos porque nos supoña esforzos moi grandes algúns anos. Agora establecemos coa Xunta un camiño plano para amortizar débeda que nos vai permitir tela amortizada no 2028".

Futuro da USC
"Optimista, con ilusión, asumindo tamén que temos problemas, pero creo que imos conseguir os recursos para os novos retos, porque ademais é esencial para a sociedade á que nos debemos".









 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/02/2019