Ángel Gurría: "A covid ten consecuencias económicas e sociais moi caras"
A terceira edición do Foro La Toja-Vínculo Atlántico empeza esta tarde. E traerá ata a illa da Toxa ao rei Filipe, ao presidente Sánchez e a outros dirixintes indispensables para reflexionar sobre os retos sociais e económicos dos nosos tempos.
O foro, que tamén contará coa presenza do presidente da Xunta, vai ser retransmitido en directo pola G2, ata o venres. Tamén poderán seguilo a través da nosa web. O foro naceu impulsado por Amancio López Seijas, o galego detrás do xigante hoteleiro HOTUSA. Galicia volverá a converterse na referencia informativa no conxunto do Estado.
Este terceiro Foro da Toxa, un espazo para reflexionar sobre os retos socioeconómicos do país e enriba da mesa está a reconstrución económica. Ángel Gurría, exsecretario xeral da OCDE durante quince anos, recibirá o primeiro premio Foro La Toja-Vínculo Atlántico, un galardón que se estrea nesta edición. Gurría destacou nunha entrevista no Bos días que "é un recoñecemento ao esforzo sobre o multilateralismo e o vínculo Atlántico, un recoñecemento á OCDE".
O exsecretario destacou que coas vacinas contra o coronavirus, este é o ano da recuperación económica e que este ano estamos nunha mellor situación. Afirmou que lle preocupa que os países máis pobres aínda están comezando a vacinar.
As vacinas xeran desigualdade
"Hai que ser máis xenerosos no tema das vacinas", afirmou Gurría, e dixo que "ata que non termine coa ameaza do último país, non rematará o fenómeno do coronavirus". Cre que o tema da saúde "é a guerra que hai que gañar porque ten consecuencias económicas e sociais moi caras desde o punto de vista financeiro".
Cambio climático
O exsecretario xeral da OCDE deulle tamén moita importancia ao cambio climático e dixo que "hai unha oportunidade para reconstruír mellor e ten que existir un mellor equilibrio entre o crecemento e o interese pola calidade de vida".