CRTVG

Buscar

António Costa negocia cos partidos de esquerdas para ver de formar Goberno en Portugal

Publicado o 09/10/2019 04:59
António Costa negocia cos partidos de esquerdas para ver de formar Goberno en Portugal

O líder do Partido Socialista, que gañou con claridade os comicios do domingo pero quedou a dez escanos da maioría absoluta, foi designado esta noite primeiro ministro polo presidente da República, o conservador Marcelo Rebelo de Sousa. Asumiu o cargo convencido de que o seu segundo mandato irá adiante, mesmo avanzou que o novo Executivo será moi parecido ao actual, e de que poderá gobernar con estabilidade, falta saber como.

Admite António Costa que semella difícil que se poida repetir o acordo de hai catro anos co Bloco de Esquerda, o PC e Os Verdes -porque os comunistas xa o descartaron- pero el ábrese a calquera das opcións que ve enriba da mesa: ademais de esa, chegar a un pacto só con algunhas forzas ou ir negociando cada orzamento. Asegura que a fórmula non é esencial que o importante é a estabilidade e dar continuidade ás políticas da anterior lexislatura.

Canda as tres formacións que o apoiaron nos útimos catro anos, na rolda de contactos de hoxe han estar o PAN, o partido animalista, que cuadruplicou os resultados, e Livre, que entrou desta volta no Parlamento.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí