CRTVG

Buscar

Antón Sánchez: "O señor Feijóo está continuamente tapando as súas carencias con publicade e propaganda"

Publicado o 16/09/2019 11:07

Antón Sánchez, vicevoceiro do Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia, será o encargado de encabezar o próximo debate sobre o estado da autonomía por parte da súa formación. Unha convocatoria de debate que desde a oposición se criticou pola oportunidade das datas: "Cremos que Feijóo escolle unha data para ocultar o debate sobre os problemas reais dos galegos, e faino nun momento en que podemos estar nunha investidura ou nunha convocatoria de novas eleccións estatais, e por iso cremos que non é o momento adecuado para debater", asegurou Antón Sánchez nunha entrevista con Francisco López Iglesias, no estudio do Bos días.

Ante a oportunidade de que no Parlamento se debata, entre outras cousas sobre a débeda do Estado con Galicia, Antón Sánchez dixo que "o triste neste país é que non temos Goberno, senón un gabinete de comunicación de publicidade e propaganda, e o señor Feijóo está continuamente tapando as súas carencias con publicade e propaganda. O que estamos a vivir son as consecuencias dun sistema de financiamento autonómico, apoiado polo PP e o PSOE durante os últimos dez anos, nos que o señor Feijóo non dixo nin mu".

"O que fixo Feijóo nestes dez anos foi recortar, incluso en cuestións moi delicadas como a sanidade,-afirmou-. Este sistema de financiamento autonómico non pode implicar máis sufrimento para a cidadanía nin ningún tipo de impedimento para que este país se siga desenvolvendo". Deste xeito, desde a súa formación apoiarían un endebedamento por parte da Xunta: "Entre provocar máis sufrimento á xente, recortando, recorrer á débeda é a política correcta", afirmou.

Sobre o anuncio da nova doazón da Fundación Amancio Ortega, Antón Sánchez, non quixo ser crítico co feito, senón co sistema tributario: "Habería que centrar ben o debate. E tería que ser quen paga impostos e quen non neste país. Temos un sistema fiscal que non é progresivo e quen pagan son os traballadores, os autónomos e as pequenas empresas. Quen máis ten, ten que pagar máis impostos para que todos poidamos ter uns servirzos bos servizos públicos", afirmou.

Sobre a posibilidade cada vez máis probable de que non haxa un acordo para a formación dun Goberno no Estado, Antón Sánchez abriu a dúbida acerca de que presións hai para que ese acordo non se produza: "A reflexión que fago é que a noite do 28 de abril os votantes socialistas e os de todo o espazo progresista crían que se podía formar goberno. A cidadanía que votou nesa clave asiste a estes acontementos sen entender moi ben se hai algo que se nos ocultan, e que as veces non se respecta a vontade popular e que haxa poderes que non queiran que haxa determinados gobernos e se apliquen determinadas políticas".

Antón Sánchez negou, en calquera caso, que a esquerda non sexa capaz de alcanzar acordos: "Máis alá dos erros que se teñen que asumir, e eu son dos que os asumen, pero creo que en Galicia e no Parlamento galego nas cuestións fundamentais hai unha alternativa que se pode poñer de acordo fronte ao Partido Popular para defende os servizos públicos, que atenda aos máis desfavorecidos e que combata a desigualdade... Hai unha serie de eixes que nos poden poñer de acordo", concluíu.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí