CRTVG

Buscar

Antón Sánchez: "Alcoa recibiu importantes axudas sen ningún tipo de contraprestación"

Publicado o 08/11/2018 11:06

Na entrevista do 'Bos Días' facemos análise da situación política con Antón Sánchez, voceiro nacional de Anova e deputado de En Marea. 

• Arredor da decisión do Goberno sobre o imposto das hipotecas

"O mesmo día que saía a sentenza do Supremo saía unha sentenza de Estrasburgo que falaba dun xuízo non xusto aos dirixentes abertzales. As súas sentenzas mostran un sistema xudicial politizado e que defende os intereses da banca. Cómpre afrontar ese problema, máis incluso ca o tema concreto das hipotecas". 

"Este TS tamén foi emendado pola xustiza europea cando sentenciou sobre as cláusulas chan". 

"Neste caso é evidente que reiteradamente o TS impartiu xustiza defendendo os intereses da banca". "Eu creo que debería levar a unha reflexión". 

"A lexislación hai que cambiala. Durante moitos anos foi favorecedora dos privilexios bancarios e cometéronse abusos reiterados contra os consumidores". "Cómpre unha revisión a fondo". "A explicación do señor Lesmes non xustifica o acontecido nas últimas semanas no TS". 

"Nós cremos que neste momento a solución pasa porque os bancos asuman ese custo". 

• Sobre a reunión de Alcoa

"En 2014 xa tivemos un debate semellante. Para nós sería un golpe moi duro que na Coruña se perdesen 400 postos de traballo directos. Pero tamén hai que tomar medidas no longo prazo".

"Alcoa recibiu importantes axudas e subvencións sen ningún tipo de contraprestación nin reinvestimento en mellorar as instalacións ou reducir a contaminación. Empregou todo ese diñeiro público, regalado por decisións de Goberno, para investir en plantas en Arabia Saudita ou Noruega, baleirando e descapitalizando as instalacións de aquí. Non se tomaron medidas para evitalo".

"Agardamos que haxa unha solución posible, pero estamos preocupados. A propia empresa nin sequera relaciona a súa decisión cun marco enerxético diferente e non demanda un cambio nese marco. Vemos con preocupación que desta vez parece que vai máis alá". 

• Sobre a AP-9

"Nós cremos que é unha demanda aproba unanimemente no Parlamento. Durante os últimos anos foi bloqueada no Congreso con vetos antidemocráticos e mentireiros. Cremos que é o momento e imos defender a transferencia". "É unha infraestrutura que exerce unha estafa diaria a todos os galegos". "Cremos que hai que estudar a viabilidade do rescate para o público, para que sexa xestionada directamente pola Xunta". 

"Hai que ver como de viable sería ese rescate". 

• Sobre os cambios de En Marea

"Estamos nun momento en que se definiron as regras para a elección dun novo consello e se aprobaron unhas teses políticas para guiar o traballo da nova dirección". 

"O debate de nomes non é o importante. O que houbo foi unha votación democrática onde a xente se expresou e debemos respectala". 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/11/2018