Antón Gómez-Reino: "Non podemos permitir que esta crise sanitaria se converta nunha crise social"
O candidato de Galicia en Común para a presidencia da Xunta, Antón Gómez-Reino, respondeu á chamada do Bos días. O deputado atópase en corentena na súa casa desde que a súa compañeira de partido, a ministra Irene Montero, deu positivo por coronavirus.
"Estou en corentena, coma todo o mundo. Había moito que non estaba tanto tempo sen saír da casa. Atópome ben. O importante é a saúde da cidadanía".
"Todos os nosos esforzos teñen que ir encamiñados a responder esta crise sanitaria, pero tamén á situación económica e social de moitas familias. Ningún galego nin galega pode quedar atrás nesta crise sanitaria. Non podemos permitir que se converta nunha crise social, de ningunha maneira".
Sobre o adiamento das eleccións do 5-A apunta: "Chegamos a un consenso lóxico. Todos os recursos da Administración pública teñen que dedicarse a combater o coronavirus. Aínda quedan cousas por pechar, pero desde o noso partido poñémonos á disposición do Goberno galego en funcións para chegar a un consenso entre todos e todas para unha nova data electoral".