CRTVG

Buscar

Gómez-Reino: "Estou aberto a encabezar unha candidatura á presidencia da Xunta"

Publicado o 14/02/2020 10:31

Gómez-Reino, secretario xeral de Podemos Galicia, anunciou hoxe no Bos días a súa intención de liderar á chamada esquerda rupturista nas próximas eleccións á Xunta de Galicia: "Hoxe anunciarei que me presento ás primarias de Podemos en Galicia para intentar facer un cambio de 180 graos na política galega".

Segundo relatou, ese é o primeiro paso, no seu propio partido, previo á confección dunha candidatura de unidade con outras forzas, pero neste momento asegurou que prefire centrarse no que son as primrias de Podemos: "Nós cremos na democracia interna e hai que ter o máximo respecto polo proceso".

En calquera caso, está convencido de que chegarán a un acordo para que eses procesos conflúan nesa canditura de unidade: "Creo que temos un espazo político consolidado, e a partir de aí estamos en diálogo con outros actores como Anova, pero agora tócalle a Podemos-Galicia escoller os seus candidatos".

Sobre se será el quen encabece as listas da esquerda rupturista que podería sumar a Anova, Esquerda Unida e Podemos dixo: "É evidente que se me presento ás primarias de Podemos Galicia é porque aspiro a ser o próximo presidente da Xunta. Pero agora mesmo toca o proceso interno, pero estou convencido que o espazo de Galicia en Común está preparado para ese cambio".

Para Gómez-Reino non hai dúbidas de que finalmente haberá acordo entre todas as formacións que agora participan de Galicia en Común para formar unha candidatura: "Creo que agora mesmo hai unha maioría social que quere cambio e a nosa responsabilidade é darlles un instrumento para facelo". "Estou convencido que a partir o 21 teremos a mellor das candidaturas para ter un Goberno que faga o mesmo que estmos facendo no Estado, que suba o salario mínimo, que defenda a sanidade, a educación, que acabe co decenio negro de Alberto Núñez Feijóo. Queremos facer un goberno, que defenda o público e medidas sociais e con políticas expansivas impulse a economía".

Respecto a contactos con outras formacións como En Marea de Luis Villares, o secretario xeral de Podemos Galicia non quixo personificar en el esas negociacións: "Nós estamos traballando e nunca sobra ninguén. A partir de aí estamos dialogando con distintos compañeiros dos partidos, pero tamén da sociedade civil".

Iso si, dixo: "Nos últimos tempos non tiven relación con Luis Villares", mentres que, por exemplo, para referirse a Martiño Noriega asegurou: "Teño con el unha magnífica relación e falo con el a miúdo".

Noticias web

14/02/2020