CRTVG

Buscar

Ante a evolución da pandemia volvemos a vista a hai nove meses, nos peores momentos da covid

Publicado o 23/10/2021 21:52

Nesta nova etapa en que os marcadores da evolución da covid son cada día máis favorables, quixemos falar cun dos coordinadores do plan de contixencia a nivel estatal, Pedro Rascado, e coa xefa de enfermería da área sanitaria de Santiago, Victoria Carral. Pedímoslles unha valoración da situación actual e como analizan, desde o presente, os peores meses da pandemia ata a vacinación masiva da poboación. 

Coa fin do estado de emerxencia volvemos a vista nove meses atrás: Xaneiro remataba con máis de 22.600 casos activos, superando os 1.300 contaxios diarios e a cifra de pacientes coa covid ingresados nas UCI chegaba aos 250. Unha situación que fixo temer o colapso dos hospitais.

"Tiñamos a capacidade dos plans de continxencia de aumentar o número de camas, os respiradores pero cun persoal sanitario moi canso, nunha situación xa de moitos meses de traballo intenso por enriba do habitual e iso era o máis preocupante. Houbo momentos en que se chegou a unha situación ao límite da saturación pero conseguimos sacar adiante todos os pacientes." Asegura Pedro Rascado, membro do comité clínico. 

Coas restricións, a resposta social e a vacinación masiva foron descendendo as cifras, e aínda que o verán deixou unha nova vaga a presión hospitalaria xa foi moito menor. Con todo, puidemos constatar que o virus segue presente e a nova normalidade aínda esixe precaución.

"As vacinas sacáronnos da situación de urxencia pero non eliminaron o virus. Agora temos unha situación diferente en que imos convivir coas máscaras, coa distancia social pero que nos vai permitir recuperar esa situación máis ou menos normal", di Rascado. 

De momento seguen observando a evolución do virus e atendendo os gromos esporádicos que se poidan producir para atallalos antes de que se propaguen.

Noticias web

23/10/2021