Ansiedade e alteración do sono, efectos psicolóxicos da alerta sanitaria na comunidade educativa
O balbordo típico do cambio de hora aprópiase do corredor do IES San Tomé de Vigo, un balbordo con fluxos de entrada e saída, bancos inhabilitados e xel hidroalcólico cada poucos metros. O alumnado adáptase ás novas normas impostas pola situación sanitaria, pero a pandemia non só trouxo consigo distancias e desinfeccións. O impacto tamén se produce no aspecto emocional.
A directora do IES San Tomé de Freixeiro de Vigo, María Sío, explica que é típico da adolescencia aparentar normalidade, unha fortaleza que non é tal, pero este curso "vemos certa deslocalización emocional". Esta deslocalización maniféstase, segundo a orientadora do centro e presidenta da sección educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Manuela del Palacio, "nunha ansiedade moi elevada, medos, pesadelos, tamén pode haber alteracións do sono e da alimentación".
Conscientes diso, desde o Colexio de Psicoloxía de Galicia elaboraron un completo programa para a postemerxencia en centros de ensino de infantil, primaria e secundaria. Establece tres fases de intervención na propia aula.
"Mastigar o problema, que flúan os sentimentos. A segunda fase sería a dixestión, procesar o que estamos vivindo, e por último o crecemento, porque todos temos fortalezas, e imos aproveitalas", resume Del Palacio.
Apóiase en varias unidades didácticas con actividades adaptadas a cada nivel educativo. Todo, co obxectivo principal de evitar unha mala dixestión das emocións sobrevidas pola pandemia.