CRTVG

Buscar

Anova non irá ás xerais tras fracasar as negociacións con Podemos e EU

Publicado o 15/03/2019 15:45

Anova descarta presentarse ás eleccións xerais. Fracasaron as negociacións que mantiña con Podemos e Esquerda Unida para concorrer como unha coalición, á marxe da lista que presenta En Marea. O partido fundado por Beiras descólgase da alianza, á que lle quedan poucas horas para formalizar a súa candidatura.

A formación fundada por Xosé Manuel Beiras e dirixida polo deputado Antón Sánchez decidiu este venres non presentarse ás eleccións xerais, e iso a pesar de que na lexislatura que remata conta con dous deputados no Congreso. A causa é o fracaso das negociacións con Podemos e Esquerda Unida. Para Anova, non se dan condicións políticas para reeditar o pacto e van centrar os seus esforzos nas municipais.

O anuncio chega poucas horas antes de que se esgote o prazo para inscribir as coalicións electorais. Queda por saber se Podemos e Esquerda Unida seguen adiante coa súa propia candidatura e compiten contra a que xa presentou En Marea. Salvo sorpresa de última hora, as dúas correntes do partido presentaranse por separado. Se é o caso, o alcalde da Coruña asegura que o seu partido non vai facer campaña por ningunha das listas. Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña :"Ningunha parte que non sexa ir xuntos me gusta"

Pola súa parte, En Marea segue adiante coa súa precampaña e mañá vai xuntar na Coruña a todos os seus candidatos. Luís Villares. voceiro de En Marea "Non hai tal ruptura, o que hai é o abandono do barco por parte duns poucos cando o espazo común é o creado polo acervo das bases militantes dos distintos partidos políticos como das mareas municipalistas"

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí