CRTVG

Buscar

Anova aposta polo modelo de AGE para presentarse nas próximas eleccións xerais

Publicado o 23/02/2019 21:07


Pendentes de reunírense nos próximos días nas asembleas territoriais para continuar co debate sobre a fórmula de presentarse ás eleccións xerais do 28 de abril, a Coordinadora de Anova decidiu continuar o traballo iniciado con Alternativa Galega de Esquerdas e as mareas municipalistas. Nun comunicado, que non cita explicitamente a fórmula de concorrencia como coalición de partidos con Esquerda Unida e Podemos, a formación manifesta a súa aposta por un "encontro de culturas políticas diferentes".

A mesma pluralidade á que lle dá acubillo En Marea, pero baixo outra fórmula, a de partido instrumental:
"Hoxe a cidadanía é protagonista do espazo político de En Marea porque cada persoa vale un voto, con independencia de que sexan afiliados a algún partido político ou non, e ese era o horizonte político que enxergaba o propio Beiras nesa idea do proxecto común da nación galega: Un proxecto integrador, inclusivo, mestizo que hoxe representamos. " Di Luís Villares, portavoz de En Marea

Así que Villares volveu insistir en que todo aquel que comparta estes principios cabe en En Marea, pero Anova, de momento, fala de "fórmulas flexibles" para facerlle fronte ao auxe da ultradereita, pero non de integrarse no partido de Villares.

Noticias web

23/02/2019