CRTVG

Buscar

Anna Ferrer: "Vicente convenceunos de que con constancia e compromiso a pobreza pódese erradicar"

Publicado o 29/11/2018 11:18

Na entrevista do 'Bos Días' falamos de solidariedade con Anna Ferrer, presidenta da Fundación Vicente Ferrer.

  • A Fundación Vicente Ferrer: 50 anos de traballo na India

"Levamos 50 anos traballando na India. Chegamos alá no mes de xaneiro do 1969 e atopamos unha pobreza extrema. As familias vivían sen esperanza, cunha mortandade moi elevada e comendo unha única comida ao día". "Traballamos, durante estes 50 anos, man a man con estas familias. Traballamos en educación, en saúde, no abastecemento de auga". "Hoxe as familias cren na educación como un dereito fundamental, cando antes os nenos non estaban escolarizados nin crían na educación".

"Tanto Vicente coma min, cando chegamos á India, sentímonos na casa. As mulleres e a xente son moi valentes e moi hospitalarias. A institución da familia é moi importante". "Cada persoa na Fundación axuda a mellorar a situación das súas familias".

  • A mensaxe de Vicente Ferrer

"Vicente tiña moito poder para convencer aos demais de que a erradicación da pobreza non era algo imposible. Eu coñecino con 21 anos e inspiroume. Convenceume de que a pobreza tiña solución e de que cada un de nós temos a responsabilidade de contribuír nalgo para mellorar o mundo e erradicar a pobreza. Convenceume disto e durante estes 50 anos vin que é verdade. A pobreza ten solución se traballas man a man coa xente dos pobos. Se tes o compromiso e a determinación, non é imposible".

"A constancia do noso traballo é o que define a organización Vicente Ferrer. A xente viu o cambio, froito dun traballo constante, e son quen de soñar cun cambio posible".

"Vicente convenceunos de que o traballo para o desenvolvemento non é un proxecto nin de cinco nin de dez anos, é un proxecto de vida". "Vicente sempre nos dixo que o uso da violencia non é a nosa maneira de traballar". "Conseguir cambios na vida da xente é un proceso moi lento, pero quedamos traballando coa xente, con tempo, para mellorar as súas condicións de vida".

  • Mulleres na India

"Cando eu cheguei a estes lugares, nin sequera podía falar directamente coas mulleres sobre a súa realidade. Tiña que comunicarme a través dos seus maridos. Cando es pobre, non tes control sobre a túa propia vida e vives nun mundo moi escuro que impide a esperanza. Esta xente pensaba que a súa vida non podía cambiar".

"Vivimos nunha sociedade patriarcal en que o home ten o poder. A muller é unha cidadá de segunda clase. Pero fixemos progresos. A Fundación traballa para o desenvolvemento dos nenos e das mulleres. Ao principio os homes sospeitaban do noso traballo, pero pouco a pouco fomos gañando a súa confianza e agora somos libres para traballar coas mulleres nas vilas". "Déronse conta de que se as mulleres progresan, progresa toda a familia e toda a comunidade".

"Unha rapaza que está estudando nunha das nosas escolas técnicas escribiume unha carta hai pouco. Escribiume que a India hai anos que gañou a independencia, pero non así as mulleres. E díxome que hoxe ela era independente grazas á educación".

"Cando melloren as súas condicións, chegaremos a unha situación de igualdade".

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/11/2018