Animan aos mozos a participaren nun cribado polo crecemento explosivo da covid−19 en Ourense
Ourense acolle mañá un cribado masivo dirixido á xente nova, á que instan a participar pola preocupante deriva que está collendo a situación. Nos últimos días, disparáronse os positivos tanto na cidade como nalgunhas vilas. A través das redes sociais e bandos municipais, o concello de Barbadás anima os mozos a asistiren ao cribado do sábado. É o segundo concello da provincia con máis casos, 36, o triple que hai unha semana.
A cidade é a que presenta os datos máis alarmantes: 68 casos novos en 24 horas. Tamén aumentaron os ingresos hospitalarios, de catro a sete, todos en planta. Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense: "A área sanitaria de Ourense está experimentando un crecemento explosivo estes días. Esta rápida expansión do virus, vinculado a novas variantes con maior capacidade infectiva, pode facer que experimente algunha mutación que incremente a súa virulencia".
Tamén preocupa a situación no Barco de Valdeorras, que duplicou os casos dun día para outro, no Carballiño e en Ribadavia, onde tamén se fixo un cribado dirixido aos máis novos e ao que só asistiron a metade dos convocados. Para o cribado do sábado admítense voluntarios. Hai que solicitalo na páxina do Sergas.