CRTVG

Buscar

Animais na estrada, un perigo ante o que hai que saber reaccionar

Publicado o 14/01/2020 13:51

A presenza de animais salvaxes pode poñer en risco a nosa condución. Os xabarís e corzos son os máis perigosos, pero outro tipo de especies, como as aves que poden chegar a impactar contra o parabrisas, poden provocar situacións de risco. Hai que ter coidado nas zonas sinalizadas onde pode haber presenza de animais bravos.

As colisións son máis frecuentes en noites despexadas e claras e en tramos rectos e longos, cando os condutores tenden a aumentar a velocidade. Podemos tocar a bucina repetidas veces para escorrentalos, pero a maioría das veces o comportamento dos animais nestas situacións é impredicible.

Se nos atopamos cun animal na estrada hai que evitar volantazos e movementos bruscos xa que podemos perder o control do vehículo e provocar un accidente ou sairnos da estrada. Se a colisión cun animal é inevitable, débese manter a vista cara a onde se queira levar o vehículo, nunca mirar ao animal. Pisar o freo a fondo e tratar de chocar en ángulo, non frontalmente. Xusto antes do impacto, é conveniente levantar o pé do freo para levantar o fuciño do coche e reducir as posibilidades de que o animal acabe batendo contra o parabrisas.

"Nunha vía rápida tipo autoestra frear con toda a intensidade pisando o embrague para tentar deter o coche sen esquivar nada. Frear co volante recto para tentar que a distancia de freando sexa a menor posible. Se esto sucede nunha vía que é por exemplo de dobre sentido si que é aconsellable frear e tentar esquivar, o mesmo, empregando o ABS que é o sistema do coche que nos vai permitir frear a mesma vez esquivar", Santiago Gil, monitor dunha escola de conducir.

Se impactamos con animal, deberemos deternos en canto sexa posible nun lugar seguro, fóra da estrada, sinalizar a parada, poñernos o chaleco reflector, comprobar o estado do vehículo e chamar á Tráfico. Non hai que achegarse nunca aos animais feridos. Posteriormente, debe contactarse co seguro para comunicar os danos do coche.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/01/2020