CRTVG

Buscar

Aniceto Rodríguez declárase inocente do asasinato da súa muller e o fiscal pide para el 39 anos de cadea

Publicado o 19/06/2017 13:30

A Fiscalía acúsao dun delito de asasinato en grao de tentativa e outro de asasinato consumado

A declaración de Aniceto Rodríguez centrou a primeira das catro xornadas da vista en que se xulga o asasinato da súa muller, Isabel Fuentes, hai dous anos. O tribunal convidouno a responder preguntas da Fiscalía e da acusación, ademais da súa defensa.

Pero a súa declaración non satisfixo a ningúen. Para todo tiña unha única resposta.

Aniceto, que dixo ser inocente, asegurou non lembrar absolutamente nada do sucedido na súa vivenda de Pazos, cando Isabel Fuentes foi brutalmente golpeada cun martelo, nin tampouco cando a muller estaba ingresada no hospital de Ourense onde faleceu acoitelada. Só acorda acudir ao Complexo Hospitalario Ourensán pero nada do que aconteceu alí. Nin visitar a súa muller nin tampouco mercar o coitelo co que presuntamente a asasinou.

A vista continuou coa declaración dos curmáns de Isabel, os primeiros en entrar na casa tras ser alertados polo propio Aniceto dun suposto roubo e asasinato da súa muller. Ambos os dous familiares dixeron que se ben o acusado dicía que a muller estaba sen vida, eles comprobaron que aínda respiraba e emitía algún xemido a pesar da violenta agresión que sufrira. Foron eles os que alertaron os servizos de urxencia. Os familiares de Isabel Fuentes confían en que o xuízo confirme a culpabilidade de Aniceto.

A declaración de varios gardas civís que realizaron o primeiro atestado pechou a primeira xornada que continuará na Audiencia de Ourense ata o próximo xoves.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2017