Andrés Díaz, unha marca europea que durou 22 anos
Hai 22 anos destas imaxes. Andrés Díaz entraba no olimpo atlético. Precisamente en Atenas facía unha marca de 3:33:32 nos 1500 metros. Acababa de bater o récord de Europa e era a quinta mellor marca de todos os tempos.
"Os récords están para batelos e eu cando batín a Peter Elliot xa dende ese momento tes que prepararte porque sabes que calquera o poder bater", lembra o atleta coruñés.
Pero a súa marca perdurou. 22 anos, ata que o martes Jakob Ingebritsen facía o quilómetro e medio en 3:31:80.
"Non puiden ver a carreira en directo e cando collín o teléfono tiña 50 ou 60 mensaxes e abrín o primeiro e xa vin que bateran o récord de Europa. Eu estou contento e orgulloso porque para min xa foi un éxito bater un récord de Europa e estar na táboa de récords con toda a xente que está aí, os grandes atletas europeos", recoñece Díaz.
Nesa listaxe estivo máis anos Andrés Díaz dos que ten Jakob Ingebritsen: "O noruegués, que é un prodixio, e que creo que vai marcar unha época, é un atleta impresionante, non nacera, porque ten 20 anos e o récord ten 22 anos".
Será difícil que o novo récord dure os 22 anos do de Andrés Díaz.