CRTVG

Buscar

Andrés Díaz de Rábago, 102 anos e 70 como misioneiro en Asia

Publicado o 18/10/2019 21:52

102 anos e setenta de misioneiro en Asia. É o Padre Andrés Díaz de Rábago. Cunha lucidez impropia para a súa idade este xesuíta non pensa en xubilarse e vai seguir exercendo en Taiwán, o seu destino actual. Estes días está visitando a súa familia en Galicia."Eu cheguei á China no ano 1947 e Mao chegou á China no ano 1949. Asi que eu son anterior a Mao", relata o misioneiro Andrés Díaz de Rábago.  Andrés Díaz de Rábago é o único sacerdote estranxeiro ordenado na China que segue vivo. Tras seren expulsados polo comunismo pasou por Filipinas e Timor ata chegar a Taiwán. Alí segue con 102 anos.

"E encantado. Quéroos a rabiar e iso non quere dicir que non queira a Galicia nin a miña familia", di Andrés Díaz de Rábago. Nacido na Pobra do Caramiñal e licenciado tamén en Medicina, O padre Andrés di que un misioneiro non se xubila. O certo é que a lucidez que ten é envexable.
"Falo desde 1949 practicamente catro idiomas a diario e iso é unha ximnasia para o cerebro, aínda que os fale mal", asegura Andrés Díaz de Rábago que mesmo chegou a falar en latín para comunicarse cos sacerdotes de fala inglesa.
Sobre a súa lonxevidade din que non hai segredos: "como ten vostede 102 anos, cal é o segredo? Eu respondo que non hai segredo, o único é que na miña sempre preocúpome máis polos outros que por min".
Despois de 102 anos, o Padre Andrés permitese dar unha recomendación de vida, porque el, opina e dialoga pero nunca impón nin sentencia: "hoxe é o punto, non é nin mañá nin pasado. E iso é unha cousa que estamos olvidando continuamente. Temos que vivir ao día e iso é o que nos fai felices".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/10/2019