CRTVG

Buscar

Andalucía esíxelle ao Goberno máis recursos económicos para atender os inmigrantes

Publicado o 10/08/2018 09:15

Andalucía pídelle ao Goberno máis recursos económicos e solicita a implicación de todas as comunidades ante a chegada de menores inmigrantes non acompañados. Faino despois de que o executivo de Pedro Sánchez decidira levar o buque de rescate Open Arms, con 87 migrantes a bordo, ao porto gaditano de San Roque

Tras seren rescatados hai unha semana, os 87 pasaxeiros do Open Arms chegaban ao porto de Alxeciras. 12 deles son menores e a metade viaxaban sos. O Goberno rexional de Andalucía esíxelle ao executivo de Sánchez máis recursos. Din que teñen desbordado o sistema de acollemento infantil e piden un repartimento da responsabilidade equitativo entre comunidades.

A maioría dos rescatados veñen da rexión sudanesa de Darfour, sumida desde hai anos na guerra civil. Para algún, era o seu segundo intento, despois de seren interceptados e maltratados polos libios.

A diferenza dos chegados no Aquarius, os rescatados do Open Arms recibirán o mesmo trato ca os que chegan en embarcacións precarias.

Os rescatados pasaron a primeira noite no centro de atención temporal de San Roque. 20 deles serán acollidos por Francia. 


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/08/2018