CRTVG

Buscar

Andalucía denuncia ante a Fiscalía a empresa que vendía a marca branca da carne infectada con listeriose

Publicado o 25/08/2019 15:02

O Goberno andaluz quere que a xustiza determine se a empresa Martínez León cometeu algún delito de carácter penal. As autoridades sanitarias constataron que a marca branca vendía carne mechada infectada de listeriose en distintos establecementos de Sevilla, ao parecer, sen etiquetar e sen poñer nin a súa procedencia nin a marca. Retiraron o produto do mercado. E a Consellería de Sanidade denunciou os feitos ante a Fiscalía da Audiencia Provincial, segundo confirmou a viceconselleira, Catalina García. Dixo que o mércores souberon que esta sociedade distribuía produtos de Magrudis e que tamén llo comunicaron ao Concello, para que realizase as inspeccións oportunas.

Este domingo confirmáronse tres novos casos en Sevilla e Cádiz, co que o número de persoas afectadas de listeriose en Andalucía sitúase en 192 enfermos, dende que se decretou a alerta sanitaria. 102 pacientes continúan ingresados con sospeitas de ter a infección en distintos hospitais da comunidade. Entre eles, hai 31 mulleres embarazas. A Xunta asegura que nas últimas 24 horas as urxencias dos centros sanitarios "normalizáronse".

A ministra de Sanidade en funcións, María Luisa Carcedo, reunirase este luns pola tarde cos conselleiros autonómicos para intercambiar información sobre o andazo que se estendeu a varias comunidades.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/08/2019